lunes, 14 de enero de 2013

Sen cobertura (I)

Estaba xa farta. Mirou o teléfono unha vez máis, pero a cobertura non volvía. Levaba 2 horas metida naquel coche, e xa había media hora que recibira o último Whatsapp, media hora desconectada do seu mundo. Estábase xa comezando a arrepentir de ter dito que iría cando a voz grave do seu irmán a sacou do seu ensimismamento.
-Carol, non sigas mirando o móvil, non hai cobertura, e non a vas ter. Vas pasar ata a noite de mañá conmigo, non coa túa Blackberry, para iso estamos aquí, recordas?
-Si, si, sintóo, pero é que estaba no medio dunha conversa importante. As rebaixas van comezar dentro de pouco...
-Estás de vacacións, por Deus!- Xan non lle deixou continuar-. Xa estamos chegando á casa da tía Flora, non te preocupes que en 10 minutos estamos na casa de Papá e Mamá.
Carolina non se molestou en responder. Sabía que debía darlle as grazas a seu irmá por levala a coñecer aquel lugar que a penas lembraba, pero ela era unha muller cosmopolita, ou iso quería pensar vivindo na Coruña. Mirou pola ventá e non puido menos que afogar un berro. A medio metro da roda abríase un fondo val de paredes lisas. As árbores loitaban por medrar e chegar ó sol. A exuberante vexetación faría a caída mol, pero as decenas de metros entre o coche e o regato que corría nas sombras faríana, de seguro, mortal.
-E que imos facer se pasa algo? Se hai un accidente como avisamos a unha ambulancia? Que facemos, Xan?
-Carolina Souto Montes, imos á casa na que vivían os nosos pais hai 2 anos, está todo tal cual, non a unha cabaña de pastoreo, hai teléfono, inalámbrico incluso. Agora disfruta da aldea, que xa chegamos.
Puxo o intermitente e, case sen frenar, xirou cara á esquerda para introducirse nun pequeno carreiro no que o coche familiar collía por centímetros. As polas das árbores rozaron a carrocería toda, como se estivesen desexosas de expulsar a eses extraños. De seguro que ese carreiro levaba dous anos se ter visto un coche, desde que os pais de Carolina e Xan morreran no accidente. Carolina apartou instintivamente da xanela, a negrura entre as árbores nunca lle gustara. Tras uns poucos minutos no carreiro a claridade volveu e a antiga casa dos seus pais apareceu ante os seus ollos. Non era grande, nin maxestuosa, non era un palacio, non resaltaba, pero era o complemento perfecto para os carballos que a rodeaban. Carolina rebuscou nas súas memorias máis antigas algún recordo da casa, pero foille case imposible. Unha pequena punzada de culpabilidade a asaltou, tería que ter vido antes. Era a antiga casa dos seus avós maternos, unha casa algo apartada da aldea como moitas outras na Galicia profunda, unha casa pequena, funcional, de pedra, cun pequeno cortello e unhas leiras de ridículo tamaño repartidas polo monte.

No hay comentarios:

Publicar un comentario