Nasin cand' as prantas nasen,
No mes das froles nasin,
Nunh' alborada mainíña,
Nunh' alborada d' abril.
Por eso me chaman Rosa
Mais á dó triste sorrir
Con espiñas para todos
Sin ningunha para tí.
Dés que te quixen, ingrato,
Tod' acabou para min,
Qu' eras tí para min todo
Miña groria e meu vivir.
De que pois te queixas, Mauro?
De que pois te queixas, di,
Cando sabes que morrera
Por te contemplar felis?
Duro crabo me encrabaches
Con ese teu maldesir,
Con ese teu pedir tolo
Que non sei que quer de min,
Pois dinche canto dar puden
Avariciosa de ti,
O meu corason che mando
C' unha chave par' ó abrir,
Nin eu teño mais que darche,
Nin ti mais que me pedir.
Rosalía de Castro, Cantares Gallegos (17 Maio 1863)
Este ano fanse 150 anos da da publicación de Cantares gallegos. Na miña humilde opinión Rosalía merece moito máis que unha entrada o dia 17 de maio. A miña primeira homexa será poñer aquí os dos poemas que máis me gustan.